30.01.2025.Os procesos de mediación xudicial poden reducir ata nun 78% o custo dos xuízos no ámbito civil ou mercantil en Galicia, catro veces menos gasto do que suporía acudir a un proceso xudicial. Así o afirma o presidente do Consello Galego dos Procuradores, atendendo a un estudo do Colexio de Procuradores de Vigo elaborado a partir dun informe do Parlamento Europeo sobre arbitraxes e mediacións en Europa.
O presidente do Consello e decano do Colexio de Vigo, José Antonio Fandiño, considera que a mediación é un bo método para desatascar os xulgados e abaratarlle os preitos á cidadanía. “Pero sempre que se implemente ben e coa complicidade dos profesionais que debemos intervir no proceso”, sinalou durante a súa participación nunha xornada sobre mediación organizada pola Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.
Fandiño estima que unha mediación ben implantada pode custarlle aos cidadáns e ás empresas “catro veces menos que un xuízo civil ou mercantil; e resólvese en menos de dous meses, fronte aos 510 que tarda un xuízo, de media”, engadiu. Tamén salientou como “unha boa nova” que a nova Lei de Eficiencia, que comezará a implantarse en abril, introduza no ordenamento xurídico a obriga de acudir a Mecanismos Alternativos de Resolución de Conflitos (MASC), entre eles, a mediación, antes de acudir aos tribunais.
Malia a importancia da mediación para contribuír á axilización dos procesos xudiciais e tamén á diminución dos litixios, os datos do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) amosan que as mediacións finalizadas con acordo en Galicia reducíronse un 93% na última década, pasando de 82 a 6 entre 2013 e 2023. A caída é 38 puntos superior á do conxunto de España.
As procuradoras e procuradores son, canda aos avogados, notarios, rexistradores e graduados sociais, parte activa nas mediacións xudiciais.
Máis funcións para a procura
José Antonio Fandiño destacou que, por riba da mediación, a mellor medida para axilizar a Xustiza e desatascar os xulgados é “outorgarlles aos procuradores competencias executivas para embargar, executar ou notificar”. Un estudo recente liderado por procuradores estima que a figura do procurador executivo reduciría á metade o atasco xudicial en Galicia (e en España) en 5 anos, tal como xa sucedeu en Portugal.
No ano 2023 o atasco xudicial acadou a cifra récord de 195.704 asuntos en trámite, o 19% máis que hai 10 anos. No mesmo período en Portugal, con competencias executivas dos procuradores, o atasco reduciuse nun 61%.
A Lei de Eficiencia tamén contempla unha ampliación de competencias para que os profesionais da procura poidan acceder a funcións de execución.
O Consello Galego dos Procuradores engloba os seis colexios de procuradores de Galicia (Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e Pontevedra), que suman un total de 646 profesionais en exercicio, e a gran maioría (69%) son mulleres.
Imaxe: O presidente do Consello Galego dos Procuradores, José Antonio Fandiño, na mesa redonda Perspectivas de futuro e vantaxes da mediación no ámbito empresarial, organizada pola Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.