O atasco xudicial medra un 17% en Galicia en 2023

08.05.2024. O volume de asuntos en trámite nos xulgados galegos medrou un 17% en 2023, ata os 195.704 casos, a cifra máis elevada rexistrada ata o de agora, segundo un avance do estudo A Xustiza en Galicia 2024 que está a elaborar o Consello Galego dos Procuradores. O incremento interanual do atasco é de 28.515 asuntos pendentes de resolución máis que en 2022.

O número de asuntos que ingresan as sedes xudiciais galegas incrementouse nun 4,6%, ata os 348.249 casos novos.

Os casos resoltos nos xulgados de Galicia, pola contra, reducíronse nun 0,76%, con 318.000 asuntos resoltos (2.453 menos que en 2022). A taxa de resolución negativa (menos casos resoltos dos que entran) é o que fai incrementar ata unha cifra récord o atasco na Comunidade.

O Consello Galego dos Procuradores vén sinalando a conxestión estrutural que padece a Xustiza en Galicia. O informe A Xustiza en Galicia 2023, presentado o ano pasado, sinala que os asuntos pendentes na Comunidade galega se incrementaron un 31% nos últimos 6 anos (2017-2022), aínda que o atasco é 12 puntos inferior que no conxunto de España.

Tal como recolle o informe do Consello, o incremento do atasco é estrutural, e cunha clara tendencia a un incremento que se vai achegando ao colapso. Malia o incremento en Galicia dun 2,1% nas resolucións e dun 3,5% no número de xulgados dende 2017, non é suficiente para compensar o aumento continuado dos asuntos pendentes, cunha media de 727 casos en trámite por órgano xudicial. A Coruña (966 casos) e Lugo (784) sitúanse por riba da media galega en número de casos pendentes por órgano xudicial.

Nos últimos 6 anos, Ferrol é a localidade galega con maior incremento do atasco, cun aumento dun 79% no número de asuntos en trámite, seguida da Coruña (+57%), Lugo (+36%) e Vigo (+33%), as tres cidades por riba da media galega (+31%).