04.04.2025. A nova Lei de Eficiencia da Xustiza mantén o papel dos procuradores galegos e do resto de España moi por debaixo do nivel de competencias dos países da nosa contorna, como Portugal ou Francia. A lei establece que as procuradoras e os procuradores poden exercer o acceso a competencias xurisdicionais de execución que ata agora só lle correspondían á maxistratura e, por delegación, a outros funcionarios públicos, pero non se clarifica un método áxil que garanta esta nova competencia.
A Lei de Eficiencia do Servizo Público de Xustiza indica que, para que os procuradores poidamos realizar competencias de execución de sentenzas, se requira dun consentimento informado por parte do cliente, unha circunstancia que nas delegacións que efectuaba o letrado de administración de xustiza (LAX) non existía e que agora se introduce como una esixencia nova que suporá un esforzo engadido.
“Por delegación do xuíz, xuíza ou tribunal, poderán tamén realizar as actuacións materiais propias do proceso de execución nos termos establecidos legalmente que, en todo caso, excluirán as execucións hipotecarias de vivenda habitual, así como as derivadas de procesos en materia de familia, as de desafiuzamento por impago de rendas ou cantidades debidas en vivendas habituais e os lanzamentos de ocupantes de finca con posterioridade á poxa da mesma se esta é vivenda habitual”, indica o apartado 2 do artigo 543 da Lei.
“A Lei asígnalle á procura parte de as ansiadas competencias de execución, que xa son unha realidade noutros países, como Portugal, e que se traducen nunha xustiza máis áxil e de maior calidade. Agora queda por ver que pasará coa súa posta en práctica, xa que requirir un consentimento informado pode complicar, máis que facilitar, estas actividades delegadas aos profesionais”, sinala o presidente do Consello Galego dos Procuradores.
Procuradoras e procuradores levan anos solicitando do Estado que, para resolver o problema estrutural do atasco e a lentitude da xustiza, é preciso aproveitar toda a potencia profesional da procura, outorgándolle competencias que permitan a súa axilización. A capacidade para axilizar as notificacións, os embargos ou a execución de sentenzas permitiría que os procuradores gañasen en protagonismo e que a xustiza reducise drasticamente as súas cifras de incremento de asuntos en trámite e sen resolver.
Portugal é o exemplo máis próximo. Dende a introdución da figura do procurador executivo (no ano 2000) os xulgados portugueses lograron reducir a conxestión á metade, mentres que Galicia e España duplicaron o número de asuntos atascados nos xulgados.
Galicia: 45 tribunais de instancia
A nova Lei de Eficiencia tamén incide na reorganización dos xulgados. En Galicia os órganos xudiciais e xulgados de paz convértense en 45 tribunais de instancia e 268 oficinas de xustiza, respectivamente. Nas sete cidades galegas establécense seccións especializadas e cadansúas presidencias de sección de Instancia e de Instrución en Vigo e na Coruña.
Os xulgados de Violencia de Xénero pasan a atender tamén os delitos de violencia sexual, unha medida que, segundo estima o Consejo General del Poder Judicial (CGPJ), incrementará a carga destes órganos nun 18%. Para evitar a sobrecarga que isto poida causar, faise necesaria a creación de novas prazas de xuíces, e non a transformación de xulgados.
A lei ten como obxectivos principais a mellora da eficiencia e a accesibilidade do sistema xudicial e reforzar a súa transparencia. Tamén busca o fomento dos Medios Alternativos de Solución de Conflitos (MASC) e promove o uso destas ferramentas nos ámbitos civil e mercantil, co fin de desconxestionar os tribunais e ofrecerlle solucións máis áxiles á cidadanía.
Fotografía: Punto GA-M.Riopa.