02.12.2025. “Os procuradores tedes un papel fundamental entre a vítima e os tribunais. A forma na que as acompañades e apoiades marca a diferenza”, sinalou o director xeral da Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, Roberto Barba Alvedro, ao inicio do Curso de Formación en Violencia de Xénero para a procura, no que participaron dous centos de profesionais da procura de toda Galicia no marco do 25 de novembro.
O curso foi co-organizado este ano polo Consello Galego dos Procuradores e o Centro de Estudos do Colexio de Procuradores da Coruña, en colaboración cos Ilustres Colexios da Procura de Galicia e co apoio da Xunta de Galicia.
Baixo a moderación do profesor e director do Centro de Estudos do Colexio da Coruña, Lotario Vilaboy Lois, unha ducia de expertas e expertos compartiron os seus coñecementos teóricos e prácticos para a loita contra a violencia de xénero dende o eido da Xustiza.
O director xeral e a fiscala delegada da especialidade contra a Violencia sobre a Muller na Fiscalía Provincial da Coruña, María Elena Steinger Doallo, debullaron a situación xeral da violencia de xénero na Coruña: máis de 3.600 denuncias presentadas en Galicia só no primeiro semestre deste ano.
Explicaron que a Comunidade é a segunda con menor taxa de violencia de xénero en España (13,1 por cada 100.000 mulleres), mentres que a dilación para presentar unha denuncia é de case 8 anos.
A fiscala tamén salientou o valor da procura á hora de facerlle fronte á violencia contra as mulleres. “Dende a procura tedes un contacto máis directo coas mulleres vítimas. Entendelas (clase social, inmigración e lingua, idade ou cultura de orixe, se son da cidade ou do rural) é fundamental para facerlles ver a deriva do procedemento, como a correcta aproximación á muller para que denuncie”, achegou. “O número de mulleres que se acolleron á dispensa de declarar reduciuse un 19% con respecto ao ano pasado”, engadiu Barba Alvedro.
As xornadas tamén abordaron o impacto das novas tecnoloxías na violencia de xénero e o protocolo de actuación, ademais das particularidades dos procesos civís e penais e a representación procesual das vítimas por parte dos profesionais da procura.
Para tal fin participaron o axente da brigada da UFAM na provincia da Coruña José Manuel Gómez Muinelo e a garda civil do Equipo Muller Menor da Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Coruña Carlota Bellas Ferrín; ademais da traballadora social da área sanitaria da Coruña María José Pena Caneda; o maxistrado do xulgado de Familia da Coruña, Antonio Ramos Valverde; a maxistrada de reforzo do xulgado de Violencia sobre a Muller da Coruña Sonia Rey Salgueiro; ou María Teresa Rodríguez Linares, presidenta da comisión de Igualdade, Conciliación e Asistencia á Vítima do Delito do Consejo General de Procuradores de España.
No peche das xornadas, o presidente do Consello Galego dos Procuradores felicitou os participantes e subliñou a transcendencia da procura tamén no eido deste tipo de violencia: “A nosa intervención, dende a proximidade e a profesionalidade, aporta seguridade, claridade e humanidade a toda a cidadanía. E isto é tamén extensible ás vítimas da violencia de xénero”, concluíu José Antonio Fandiño, encargado da clausura xunto con Vilaboy e a vice-decana do colexio da Coruña, Carmen Belo.
Na imaxe, de esquerda a dereita e de arriba a abaixo, o director xeral da Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, Roberto Barba Alvedro, a fiscala delegada da especialidade contra a Violencia sobre a Muller na Fiscalía Provincial da Coruña, María Elena Steinger Doallo, a garda civil do Equipo Muller Menor da Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Coruña Carlota Bellas Ferrín e o axente da brigada da UFAM na provincia da Coruña José Manuel Gómez Muinelo.

