21.07.2025. O Consello Galego dos Procuradores (CGP) apoia a iniciativa impulsada dende o eido xurídico para normalizar o uso da lingua galega no mundo do Dereito e facer efectiva a cooficialidade do galego e do castelán en Galicia.
O Consello, que representa a 634 procuradoras e procuradores que exercen en Galicia, súmase ás reivindicacións da Irmandade Xurídica Galega, que se dirixiu por carta ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, e ao Ministro de Xustiza do Goberno de España, Félix Bolaños.
A principal reivindicación consiste en introducir a cooficialidade do idioma galego (como sucede con outras linguas españolas) na nova ferramenta informática que o Goberno de España prevé poñer en funcionamento a partir de 2026 e que, na actualidade, só admite en Galicia o uso do español. A Irmandade Xurídica sinala que Galicia “goza dun réxime xurídico que declara a cooficialidade lingüística do galego e do castelán no seu territorio, amparada no art. 3.2. da Constitución e o art. 5 do Estatuto de Autonomía, que ademais recoñece o galego como lingua propia de Galicia e encomenda aos poderes públicos a garantía do uso normal e oficial dos dous idiomas e a potenciación do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa”.
O colectivo explica que, porén, malia a normativa, “a día de hoxe non é posible tramitar procedementos integramente en lingua galega nin asegurar á cidadanía a notificación das resolucións neste idioma”, e atribúeo a que “nunha administración completamente dixitalizada non existe unha aplicación informática que permita tramitar os procedementos en galego”.
Nesta liña, o Consello Galego dos Procuradores considera fundamental que a lingua galega estea incluída, como xa acontece coa castelá, nos escritos, aplicacións e ferramentas da Administración de Xustiza. Perante a substitución do actual programa Minerva por Atenea, previsto para xaneiro de 2026, o Consello reclama que a nova versión estea dispoñible tamén en galego.
“Cómpre lembrar que o galego é unha lingua co-oficial en España e oficial en Galicia. É de xustiza que a nosa lingua propia estea plenamente implementada no noso exercicio profesional como procuradoras e procuradores, mais tamén de maneira normalizada en toda a Administración de Xustiza”, sinala José Antonio Fandiño, presidente do Consello Galego dos Procuradores.
A comunicación do Consello Galego, tanto interna como externa, leva dous anos empregando o galego como lingua vehicular, con opción bilingüe na súa páxina web e a aposta polo galego nas comunicacións oficiais cos colexios e os profesionais da procura. O obxectivo é impulsar a normalización da lingua galega no eido xurídico e defender os dereitos lingüísticos dos profesionais e da cidadanía de Galicia.
A iniciativa está asinada polas seis decanas e decanos dos colexios de procuradores galegos: José Antonio Fandiño (decano de Vigo e presidente do CGP), Javier Carlos Sánchez (A Coruña), Ana Fernández Santos (Lugo), Ana María López Calvete (Ourense), Fernando González-Concheiro (Santiago de Compostela) e Joaquín Gabriel Santos (Pontevedra).

