Adeus a José Portela, un referente na procura galega

08.05.2025. Deixounos José Portela Leirós, un procurador referente na profesión na provincia de Pontevedra e no conxunto da Comunidade galega e unha figura fundamental na constitución do Consello Galego dos Procuradores, do que foi decano fundador e presidente de honra.  

Procurador comprometido, nado en Carril (Vilagarcía de Arousa) e veciño da parroquia de Borela (Cerdedo-Cotobade), Pepe Portela foi decano durante case dúas décadas do Colexio de Procuradores de Pontevedra (1993-2012).  

O seu mérito profesional fíxoo merecedor en 2008 da Cruz Distinguida de Primera Clase da Orden de San Raimundo de Peñafort que outorga o Ministerio de Xustiza, un dos recoñecementos máis importantes no seo da profesión e do sector. 

O Consello Galego dos Procuradores lamenta o pasamento de Portela, un procurador referente na profesión na provincia de Pontevedra e no conxunto da Comunidade galega, e envía as súas condolencias á súa contorna profesional, amizades e familia.  

Pepe Portela foi unha referencia na profesión e na pedagoxía do servizo que como procuradores lle prestamos á sociedade. Todo un exemplo para os que estamos e para os que veñen. Lembrarémolo sempre”, sinala o presidente do Consello Galego dos Procuradores, José Antonio Fandiño. 

Traballador, indubidablemente comprometido coa procura e a Xustiza, José Portela Leirós gañou o respecto, o aprecio e o agarimo de colegas e amizades. Con 90 anos e toda unha recoñecida traxectoria ás súas costas, foise para sempre o pasado 29 de abril. Descansa en paz, compañeiro.