Galicia encabeza a proporción de mulleres na carreira xudicial, co 61%

  • Noticias
  • 2 minutos de lectura

19.04.2024. Galicia é a segunda comunidade autónoma española con maior proporción de mulleres xuízas e maxistradas: representan o 61% da profesión, só por detrás de Euskadi (62,5%) e catro puntos por riba da media estatal do 57,2%.

A galega é unha das once comunidades que superan a media no tocante á presenza de mulleres na carreira xudicial, entre as que tamén figuran a Comunidad de Madrid (60,6 %), Navarra (60 %), Castilla-La Mancha (59,6 %), La Rioja (59,5 %), Catalunya (59,3 %), Comunitat Valenciana (59,2 %), Extremadura (59,1 %), Balears (58,3 %) e Castilla y León (58 %).

Os datos do Poder Xudicial correspondentes a 2024 sinalan que, por idade, as maxistradas galegas sitúanse un chisco por debaixo da media estatal, con profesionais de 50 anos de media, fronte aos 50,4 das mulleres xuízas en todo o Estado, e son 4,7 anos máis novas que os maxistrados galegos varóns.

A súa presenza maioritaria atópase no rango de idade de 31 a 40 anos (son o 74,4% fronte a un 25,6% de homes), aínda que tamén teñen unha representación moi contundente entre profesionais de 41 a 50 anos (70,6%). As maxistradas galegas só se atopan por debaixo do 50% na franxa de 61 a 70 anos (40%) e son xustamente a metade entre os profesionais de máis de 70 anos.

Os xulgados de Menores son os órganos da Comunidade con maior proporción de mulleres xuízas (100%), seguidos das salas do Mercantil (83,3%), Instrución (72,4%) e do Social (67,7%).