12.12.2024. Cinco expertas e expertos en violencia de xénero dos ámbitos do dereito, policial e psicolóxico impartiron en Ourense o Curso de Formación Continuada en Violencia de Xénero para profesionais da procura. A sesión estivo moderada pola decana do Colexio de Procuradores de Ourense, Ana María López Calvete.
O obradoiro formativo contou coa asistencia (presencial e telemática) de cen procuradores galegos. Na primeira sesión, o fiscal especialista en violencia contra a muller en Ourense, Julián Pardinas Sanz, abordou a violencia dende a perspectiva do Ministerio Fiscal. O inspector de policía e xefe da Unidade de Atención á Familia e Muller (UFAM) da comisaría provincial de Ourense, Carlos Vázquez Cid, centrou a súa clase no protocolo de actuación policial en casos de violencia de xénero.
A maxistrada-xuíza do xulgado do Penal nº 2 de Ourense, Susana Pazos Méndez, abriu a segunda sesión cun relatorio sobre a aplicación do Dereito con perspectiva de xénero. A psicóloga do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), Iria González Cal, abordou o funcionamento da Unidade de Valoración Forense Integral na función de valoración das mulleres vítimas. A letrada especialista en violencia de xénero, Victoria Diéguez Guerrero, explicoulles aos profesionais da procura as circunstancias especiais que diferencian o proceso dunha denuncia.
O Curso de Formación Continuada en Violencia de Xénero para profesionais da procura está organizado polo Consello Galego dos Procuradores, o Colexio de Procuradores de Ourense e a secretaría de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.