22.11.2023. Máis dun cento de profesionais da procura de toda Galicia prepáranse para especializarse na atención ás vítimas de violencia de xénero, en cursos organizados polo Consello Galego dos Procuradores. A formación é impartida por profesionais xudiciais expertos en violencia machista, pola importancia do papel de acompañamento que poden exercer os procuradores galegos coas vítimas nas citacións xudiciais.
No último curso desenvolvido en Pontevedra, a formación contou coa colaboración da Xunta de Galicia e o Colexio de Procuradores de Pontevedra, participaron a maxistrada experta en violencia de xénero Belén Rubido, a presidenta da Comisión de Igualdade e Asistencia á Vítima do Delito do Consejo General de Procuradores de España, Eva María García, a directora do Centro de Emergencia para Mujeres Víctimas de Violencia de Género (Cemvi), María Elena Molanes, e o avogado da asociación Aliad Ultreia e membro da Rede Galega contra a trata sexual Gerardo Pardo de Vera.
Grazas ao mellor asesoramento e acompañamento recibidos, na actualidade o 95% das vítimas mantén os procedementos xudiciais contra os seus agresores, fronte ao 89% de hai só dous anos. Segundo os datos da Fiscalía Superior de Galicia, a taxa de renuncias á continuación de procesos de violencia de xénero por parte das vítimas reduciuse 1,3 puntos en dez anos, pasando dun 6,29% en 2012 a un 4,99% o ano pasado. En paralelo, os procedementos incoados incrementáronse un 0,37%, mentres que as denuncias interpostas medraron un 46,8%.
“O labor de acompañamento das procuradoras e procuradores ás vítimas de violencia de xénero á hora de presentarse nun órgano xudicial é fundamental para contribuír a que estas mulleres se sintan seguras e reducir, así, a taxa de renuncia á continuación dos procesos. Canto máis dotemos de competencias aos profesionais da procura, mellor poderemos abordar asuntos tan problemáticos na nosa sociedade como a violencia contra as mulleres”, sinalou o presidente do Consello Galego dos Procuradores, José Antonio Fandiño.
O curso de violencia de xénero para profesionais da procura é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia ao Consello Galego dos Procuradores, no marco das axudas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
As procuradoras galegas, o 69% da profesión
Un total de 460 procuradoras exercen en Galicia na actualidade, fronte a 212 procuradores. A proporción de mulleres profesionais da procura aumentou preto de 4 puntos na última década, ata converterse nunha das profesións máis feminizadas da nosa Comunidade.
No conxunto de España, as procuradoras representan o 67% do censo de profesionais exercentes, e o seu número aumentou 1,6 puntos dende 2012.
O Consello Galego dos Procuradores representa os seis colexios de procuradores de Galicia –A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo–, no que figuran un total de 672 profesionais exercentes colexiados.