Procuradores galegos ofrécense a mediar ante un novo paro xudicial

  • Noticias
  • 3 minutos de lectura

04.04.2023. O Consello Galego dos Procuradores decidiu onte por unanimidade impulsar todo tipo de medidas preventivas e negociadoras que eviten unha nova paralización xudicial no mes de abril, tras a nova folga de funcionarios, neste caso convocada polos corpos xerais e especiais de Xustiza. Os procuradores galegos ofrécense a actuar como mediadores no novo conflito aberto, así como a propoñer a designación dun árbitro que permita resolver o asunto con urxencia antes das datas da folga. O venres 31 de marzo, os principais sindicatos convocaron a folgas e protestas os 45.000 funcionarios españois do Ministerio de Xustiza, a partir do 17 de abril. Varias asociacións de xuíces e fiscais tamén anunciaron protestas.

O Consello Galego dos Procuradores representa os 6 colexios profesionais de Galicia e os 672 profesionais que traballan na Comunidade. A xunta directiva está integrada polos decanos e dous membros das xuntas directivas de cada colexio. Na reunión de onte os procuradores galegos valoraron como “un colapso absoluto” a consecuencia dunha nova folga. O Consello propone como mediador, como solución para evitar a folga e para protexer os xustizables, a parte máis afectada e prexudicada por unha folga de funcionarios.

“Non se pode castigar os cidadáns cunha nova parálise xudicial. Os servizos públicos indispensables, como a Xustiza, non poden deixar desprotexida a sociedade cada vez que se produce unha discusión ou un desencontro sobre as condicións de traballo dos funcionarios”, indica o Consello Galego dos Procuradores tras unha reunión urxente e extraordinaria celebrada onte pola mañá.

Os procuradores galegos destacan que a folga de febreiro e marzo dos letrados da administración de Xustiza (LAJ) impactou no seu desenvolvemento profesional, reducindo sensiblemente a súa actividade en Galicia, e consecuentemente os seus ingresos, e prexudicando especialmente os seus clientes.

O Consello de Procuradores de Galicia advirte que o atasco xudicial en España é estrutural e coas últimas folgas de funcionarios só se está a xerar unha maior acumulación. Segundo os datos do Consejo General del Poder Judicial, o número de asuntos en trámite acumulados nos xulgados españois medrou nun 42% nos últimos 7 anos, a pesar de que o número de xulgados aumentou nun 4,5%. En Galicia, o número de asuntos atascados aumentou nun 31% nos últimos 7 anos, cun 3,5% máis de xulgados que en 2007.

O Consello Galego dos Procuradores considera que funcionarios e Ministerio de Xustiza, así como as diferentes autoridades autonómicas de Xustiza, deben avanzar de forma unida nun proxecto que permita axilizar a Xustiza para ofrecer o servicio que merecen os cidadáns. Para evitar a nova folga e o impacto da paralización da Xustiza na ciudadanía, os procuradores galegos consideran que debe prevalecer sempre o dereito fundamental da sociedade a dispoñer dunha tutela xudicial efectiva e o dereito á protección xudicial.